De interese

15/11/2011

Sermos Galiza consolídase

O proxecto que impulsiona Sermos Galiza para a construción colectiva dun novo medio de comunicación galego entra definitivamente en fase de consolidación. Superamos xa os 200.000 euros de capital social (os 70% do obxectivo previsto) e son tamén centos os apoios recibidos, particularmente compromisos de subscrición ao semanario.
A positiva evolución do proceso encoráxanos a continuar traballando pois que, neste contexto de profunda crise económica e de incerteza, tantos centos de persoas estean dispostas a facer un importante esforzo económico para podermos contar con voz propia, ten un valor execpcional. Alén diso, demostra que se queremos, na Galiza podemos levantar os instrumentos que contribúan para construír un futuro diferente para o noso País.
Aliás, é nesta situación cando máis se aprecia a necesidade de confrontarmos a ocultación da realidade, a permanente manipulación, a entusiasta prédica ideolóxica ao servizo do poder e a total ausencia de uso da nosa lingua que practican os medios do establishment. E iso só pode ser feito cun medio libre, crítico, galego e en galego, que teña o seu foco de atención informativa no noso País, e que non dependa das axudas públicas ou da publicidade comercial. Un medio influente, con capacidade de chegar a amplos sectores da sociedade e que dea conta, para alén da actualidade política institucional, do acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven nestes como noutros campos. E aínda, que nos achegue na nosa lingua, sen mediatizar nin deturpar, a información do que acontece polo mundo fóra.
Un medio destas características só pode sustentarse no compromiso activo dos lectores e lectoras, quer como accionistas, quer como subscritores/as. É por iso que todas as persoas que compartillamos esta necesidade estamos chamadas a participar. Este proxecto é de tod@s @s que quixeren facer parte del. Lembrade o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NCG) E se xa tiverdes decidido tornarvos accionistas de Sermos Galiza, non demoredes en facelo, pois precisamos de continuar avanzando.
Agora o reto é abordarmos a definición pormenorizada no proxecto comunicativo e a organización da estrutura necesaria para podermos ter canto antes nas nosas mans e nos nosos computadores a información que a Galiza precisa.

Sem comentários:

Enviar um comentário