De interese

17/11/2011

Águeda e Basilio

Xosé Manuel Sánchez Rei


Como cada sábado, Basilio Gándara, un petrucio dunha aldea da Limia Baixa, baixou até á vila, nesta ocasión coa esperanza de achar sementes a bo prezo. Por causa da crise, a súa muller e el tiveron de voltar a traballar unha leiruca que tiñan a carón da casa, a cal sempre, había aló tempo, lles dera boas colleitas, pois era unha terra vizosa. Xa na feira, após fechar un trato cunha vendedeira, dirixiuse á taberna para saudar a xente da contorna e para tomar un copo até que fose a hora de apañar o autocarro de volta á aldea, que saía de alí a media hora. Fora, de certo, un mañá proveitosa: acabara antes do previsto, chegara a un bo acordo coa señora das sementes e aínda dispuña duns minutos para se chufar cos contertulios tabernarios da súa habilidade en mercar por poucos cartos.

Ao chegar ao local, reparou en que non había ninguén coñecido. Tiña tempo, de modo que aquelou para si algunhas publicacións periódicas que estaban no balcón do estabelecemento coa finalidade de agardar lendo a hora de se ir. Como cada sábado, todas estaban en español, o cal, segundo o pensamento de Gándara, era o que cabía esperar: “O galego non vos é unha lingua, por moito que digan algúns; se o fose, habería xornais ou prensa en galego, mais non hai nada. Por algo será”, tiña comentado algunha vez nesa taberna. Non importaba que non falase en español ningunha das súas amizades nin ninguén da súa familia, aínda que o comprendían bastante ben. Por outro lado, como a prensa, segundo el, “só trata temas importantes”, non aparecían noticias políticas diferentes da simplona e única melodía a dúas voces que representaban os partidos estatais maioritarios.

15/11/2011

Vémonos na nova páxina

sermosgaliza.com

Sermos Galiza consolídase

O proxecto que impulsiona Sermos Galiza para a construción colectiva dun novo medio de comunicación galego entra definitivamente en fase de consolidación. Superamos xa os 200.000 euros de capital social (os 70% do obxectivo previsto) e son tamén centos os apoios recibidos, particularmente compromisos de subscrición ao semanario.
A positiva evolución do proceso encoráxanos a continuar traballando pois que, neste contexto de profunda crise económica e de incerteza, tantos centos de persoas estean dispostas a facer un importante esforzo económico para podermos contar con voz propia, ten un valor execpcional. Alén diso, demostra que se queremos, na Galiza podemos levantar os instrumentos que contribúan para construír un futuro diferente para o noso País.
Aliás, é nesta situación cando máis se aprecia a necesidade de confrontarmos a ocultación da realidade, a permanente manipulación, a entusiasta prédica ideolóxica ao servizo do poder e a total ausencia de uso da nosa lingua que practican os medios do establishment. E iso só pode ser feito cun medio libre, crítico, galego e en galego, que teña o seu foco de atención informativa no noso País, e que non dependa das axudas públicas ou da publicidade comercial. Un medio influente, con capacidade de chegar a amplos sectores da sociedade e que dea conta, para alén da actualidade política institucional, do acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven nestes como noutros campos. E aínda, que nos achegue na nosa lingua, sen mediatizar nin deturpar, a información do que acontece polo mundo fóra.
Un medio destas características só pode sustentarse no compromiso activo dos lectores e lectoras, quer como accionistas, quer como subscritores/as. É por iso que todas as persoas que compartillamos esta necesidade estamos chamadas a participar. Este proxecto é de tod@s @s que quixeren facer parte del. Lembrade o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NCG) E se xa tiverdes decidido tornarvos accionistas de Sermos Galiza, non demoredes en facelo, pois precisamos de continuar avanzando.
Agora o reto é abordarmos a definición pormenorizada no proxecto comunicativo e a organización da estrutura necesaria para podermos ter canto antes nas nosas mans e nos nosos computadores a información que a Galiza precisa.

08/11/2011

Estreamos páxina, continuamos a avanzar


A partir de agora a páxina sermosgaliza.com vén substituír este modesto blogue co que viñemos difundindo a Iniciativa Sermos Galiza para a creación dun novo e influente medio de comunicación na nosa lingua.
No tempo que vai desde o lanzamento público da iniciativa foron centos as persoas que manifestaron o apoio e se aderiron á mesma. Queremos agradecer a todas elas o seu contributo, nomeadamente ás quiñentas que xa se tornaron accionistas, e encoraxar ás que aínda non o foren a daren o paso.
O proceso de construción colectiva dun medio de comunicación libre, crítico e galego está a resultar unha experiencia apaixonante e marabillosa. Particularmente incentivante é observarmos como, nun momento especialmente difícil e incerto, inúmeras persoas están dispostas a facer un esforzo económico importante para facermos realidade o obxectivo de que a Galiza conte con voz propia. Igualmente motivador son as múltiplas mensaxes de alento que recibimos a cada día. Mesmo emotivas. Traemos aquí, a modo de mostra o mail que nos enviou o pasado 26 de outubro unha nova accionista, Mónica R. V. : Bom dia. Venho de conhecer agora mesmo a vossa iniciativa atravês de um familiar (nom resido na Galiza neste momento). Tenho-me emocionado tanto que acabo de mercar umha acçom (achego justificante bancário). Quando tenha novo domicílio hei-me subscrever. Muitíssimas graças por me devolverdes a esperança :-) Umha aperta, Mónica”. É con ese espírito que se constrúe, non apenas este medio, mais o País. E é con ese espírito que continuamos a traballar para sermos Galiza, tamén na comunicación. Contamos con vós.