De interese

07/10/2011

Galiza a través do espello


María Reimóndez
Grupo Promotor de Sermos Galiza

Como buscando a resposta a unha pregunta, miramos. Nese xesto diario, coa ollada fixa nese liso material. O espello devólvenos a imaxe propia, uns días está máis alegre, outros máis despeiteada, outros máis triste e algúns case que transparente. Mais está. Lonxe dunha louvanza do narcisismo, os espellos axúdannos a entendernos e entender a percepción que outras persoas se fan de nós. Se cadra é esta unha función vital dos medios de comunicación que, como espellos metafóricos, deberían devolvernos unha imaxe iluminada e plural do que nos acontece como colectivo e do que acontece detrás e diante, ao noso carón. Cando un pobo carece de medios de comunicación plurais, propios e na súa lingua, carece de autoimaxe. As imaxes dos outros veñen moitas veces en forma de calidoscopio ou de cortina de fume. Un exemplo claro de calidoscopio foi a aparición pública de entidades como Galicia Bilingüe, colectivos minoritarios e recalcitrantes que non representan a ninguén pero que teñen espazo público multiplicado mil veces o que representan. Entre as cortinas de fume xa son tantos os exemplos que non hai maneira de contalos.
Unha Galiza sen medios en galego, propios, mírase en espellos do autoodio, en espellos que deforman, que son como os das feiras de cando eramos pequenas, espellos que están afianzados lonxe, noutros intereses. Eses espellos devólvennos un país que non é, un país deprimente ou de ficción onde no medio dunha catástrofe natural hai praias esplendorosas ou onde “a xente” afirma que o idioma propio é algo prescindible na escola. Mais cada día, ao andar pola rúa, eu vexo unha Galiza diferente, unha que teima e crea, que recibe premios, que tende pontes con moitos pobos, que teima en buscar unha educación pública de calidade en galego, que aprecia ás persoas que fixeron do público algo valioso, que honra a lectura, que gusta do teatro, que vai ao cine, que organiza grupos de xogos en galego, que se reúne para cantar, que fala en galego aos peregrinos e peregrinas para que saiban, mesmo nos lugares máis remotos da nosa xeografía, que están nun lugar con identidade e lingua propia. As persoas que estamos en movementos sociais sabemos da pequenez da representación e do impacto que iso ten nos nosos proxectos colectivos. Sen espello no que reflectir o noso traballo este fica mudo e invisible. Sen espello no que reflectirse, iniciativas sobranceiras carecen de apoios (e aquí debo preguntarme cada día que pasará co traballo de Implicadas no Desenvolvemento e outras organizacións de todo tipo enraizadas na terra agora que non hai quen fale del á cidadanía).
Os medios que temos queren facernos crer que ese país non existe, que é o país das marabillas inventado por uns visionarios minoritarios e sectarios. Mais eu camiño por el todos os días e quero que sexa visible. E non só visible, noso. Por iso apoiar Sermos Galiza é traer a nós un espello que nos faga visibles. E non un espello calquera, senón un que estea a proba de roturas, a proba das balas do capital, porque o capital somos todas e cada unha das persoas que sabemos que Galiza ten dereito a verse de forma máis poliédrica e, sobre todo, na única lingua que nos fai únicas no mundo: a nosa. É hora de poñer o noso anaco de espello, é hora de escintilar. É hora de Sermos Galiza.

Sem comentários:

Enviar um comentário