De interese

25/10/2011

Sermos Galiza continúa dándose a coñecer e sumando apoios

Imaxe da presentación en Foz

A pasada segunda feira, 21 de outubro, Sermos Galiza presenteouse en Foz e na segunda, 24, o lanzamento público decorreu en Lugo. Para alén da sempre numerosa asistencia, Primero motivo de satisfacción, en cada acto percibimos complicidade, ilusión e compromiso. E o froito de todo iso vai construíndo colectivamente o medio de comunicación que a Galiza precisa. O proxecto suma apoios día a día. Mais aínda é moito o camiño que fica por diante e que debemos percorrer entre tod@s @s que partillamos a necesidade dunha imprensa libre, crítica, galega e na nosa lingua. Podemos facelo tornándonos accionistas e anotándonos como subscritores do semanario. Tamén contribuíndo para difundir a iniciativa entre amig@s e coñecid@s. Contamos con vós!
Sermos Galiza continúa dándose a coñecer. As próximas citas:

AS PONTES.- Cuarta, 26 de outubro, ás 8 da tarde na Biblioteca Municipal (Avda. de Castelao, sn). Organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Coa presenza de Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

LALÍN.- Quinta, 27 de outubro, ás 8'30 na Casa Museo Ramón Aller. Organizada por Queremos Galego Deza. Coa participación de Nemésio Barxa, Néstor Rego e Olalla Rodil.
En Lugo: Tereixa Campos, Tonina Gay, María Reimóndez,
 Néstor Rego, Olalla Rodil e Rubén Lois

O CARBALLIÑO.- Sexta 28 de outubro, ás 8'30 no Casino, en colaboración coa Asociación Cultural Avantar.

BETANZOS.- Sexta, 4 de novembro, ás 8'30 no Salón azul do Liceo de Betanzos. Organizada conxuntamente polas asiociacións Roxín Roxal e Eira Vella. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rubén Lois e Xurxo Souto.

Agradecemos, máis unha vez, o labor das entidades que colaboran para facer posíbel a difusión da iniciativa Sermos Galiza e que, aliás, dá conta do carácter social e colectivo que queremos para este proxecto.


23/10/2011

Sermos Galiza

Xosé Lois 'O Carrabouxo'
Grupo Promotor de Sermos Galiza

20/10/2011

Con vós, avanza Sermos Galiza

A presentación en Compostela

Na mañá desta cuarta feira, 19 de outubro, un ingreso realizado pola profesora da USC Aurora Marco López, supuxo ultrapasar os 100.000 euros efectivos na conta de SERMOS GALIZA SA (Sociedade en constitución) para a formación do capital social da empresa. Agradecemos inmenso a confianza, a xenerosidade e o compromiso coa lingua e co País das 245 persoas que xa son accionistas. Mais, a pesar de haber xa outras cantidades comprometidas en firme, temos que continuar a traballar para alcanzarmos os 300.000 euros que nos marcamos como obxectivo e que garantirán a capacidade operativa do novo medio.

Sabemos que somos moit@s @s que partillamos a necesidade dun medio de comunicación libre, crítico, galego e en galego. Un medio que reflicta de modo verdadeiro a realidade da Galiza en toda a súa dimensión. Que leve ás súas páxinas, para alén da actualidade política institucional, o acontecer social, sindical, cultural ou ambiental e que se faga eco do inestimábel labor que asociacións, colectivos ou persoas individuais desenvolven neste como noutros campos. Que nos achegue na nosa lingua e, aliás, sen mediatizar nin deturpar a información do que acontece polo mundo fóra. Que recolla unha opinión comprometida e interprete a información en clave de País.

E todas as persoas que compartillamos esta necesidade estamos chamadas a participar. Este proxecto é de tod@s @s que quixeren facer parte del. Lembrade o nº de conta: 2080 0319 69 3040016966 (NCG) E se xa tiverdes decidido tornarvos accionistas de Sermos Galiza, non demoredes en facelo: queremos ter reunido a totalidade do capital social na primeira semana de novembro. Contamos con vós! Grazas polo voso apoio.

19/10/2011

Sermos Galiza continúa a explicar o proxecto

Imaxe da presentación en Pontevedra
Após unha xeira de presentacións  en 7 cidades e vilas, a iniciativa social Sermos Galiza continúa explicando o proxecto para a construción colectiva dun novo medio de comunicación nosa nosa lingua. 
A próxima cita decorrerá en Foz, organizada polas asociacións culturais de todos os concellos da Mariña, que fan parte da Federación Galiza Cultura. Será ás 8'30 da tarde na Casa da Cultura 'Manuel María'. O calendario de presentacións ten aínda outras citas:

LUGO.- Segunda feira, 24 de outubro, ás 8 da tarde na Galería SARGADELOS. Organizada polo Club Cultural Valle-Inclán.  Participarán os membros do Grupo Promotor Marica Campo, Rubén Lois, Néstor Rego, María Reimóndez e Olala Rodil. 

AS PONTES.- Cuarta, 26 de outubro, ás 8 da tarde na Biblioteca Municipal (Avda. de Castelao, sn). Organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Coa presenza de Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

LALÍN.- Quinta, 27 de outubro, ás 8'30 na Casa Museo Ramón Aller. Coa participación de Nemésio Barxa, Néstor Rego e Olalla Rodil.

O CARBALLIÑO.- Sexta 28 de outubro, ás 8'30 no Casino, en colaboración coa Asociación Cultural Avantar.

BETANZOS.- Sexta, 4 de novembro, ás 8'30 no Salón azul do Liceo de Betanzos. Organizada conxuntamente polas asiociacións Roxín Roxal e Eira Vella. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rubén Lois e Xurxo Souto.

Agradecemos, máis unha vez, o labor das entidades que colaboran para facer posíbel a difusión da iniciativa Sermos Galiza e que, aliás, dá conta do carácter social e colectivo que queremos para este proxecto.

11/10/2011

Sermos Galiza: comezamos a conta atrás

Teresa Moure no centro, intervindo no acto de Compostela


Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza


Á hora de presentarmos o proxecto Sermos Galiza á sociedade o primeiro sentimento que abrolla en cada un dos actos públicos que se van sucedendo é o dunha necesidade partillada. Poderiamos mesmo felicitarnos colectivamente cada asistente por esta capacidade de convocatoria, por esta sensación de complicidade. Que tantas persoas deixen de facer as tarefas urxentes de cada día para se sentaren a debullar os detalles dun proxecto de tal envergadura significa que, contra os malos augurios, ... aquí hai pobo! Gustaríame agradecer profundamente desde estas liñas a tant@s asistentes, e tamén a tantas asociacións culturais, a tantos centros de difusión de ideas, a tantas persoas individuais que se prestaron a citar a súa veciñanza, que nos presentan e que nos avalan coa súa presenza ou coa súas calorosas exhortacións a pór fin a este silencio comunicativo en que nos movemos. 
Por suposto, cabe agradecer moi especialmente, ademais da asistencia, as contribucións que moitas das persoas que acoden aos actos de presentacións xa fixeron, mesmo antes de concorrer a eles. Grazas por crerdes neste soño! Unha vez rematada esta cortesía mínima vou deixar de falar como se este proxecto fose noso, do grupo promotor, porque unha das cousas máis importantes para as que estamos a convocar á sociedade galega é para dicir que este proxecto é voso, de todas as persoas que decidan subscribirse ou mercar accións. 
Xa sabemos que vivimos un momento crítico da historia. No internacional, padecemos os últimos estertores do modelo neoliberal, que nos converteu a todas as persoas traballadoras en afectadas do abuso dos ditados económicos. No nacional, sufrimos un goberno trapalleiro, que converteu a lingua no seu principal inimigo e no social, entre tantas outras cuestións, o peche reiterado de todos os medios de comunicación en galego. Vieiros, A Peneira, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia hoxe e multiplicado por dous cando coexistiren edición en papel e mais dixital. Todos foron desaparecendo, como se se tratase de demostrar que a información en galego non lle interesa a ninguén. Brincadeiras á parte, non me gusta falar do desastre xeral dos xornais cando se presenta este proxecto. Podería parecer que andamos pechando a competencia antes de entrarmos nós en faena. En realidade, por ideoloxía, nin sequera levo ben o concepto

Creado no Facebook o Grupo Eu tamén son accionista de Sermos Galiza

Imaxe da presentación de Sermos Galiza en Ourense


Sermos Galiza é de orixe un proxecto colectivo. O obxectivo é  crear entre tod@s @s que partillamos a necesidade de asentarmos un espazo de información propio, o medio de comunicación que a Galiza precisa: libre, crítico, comprometido, galego e en galego. Concebido desta maneira, necesariamente se ten de apoiar nunha base larga de pequenos accionistas e subscritores/as. É dicir, somos os lectores e lectoras os que temos que construír o medio que queremos. Deste modo, manterase  por si mesmo, sen dependencias empresariais ou institucionais, como a mellor garantía de independencia e de continuidade de futuro.
Co obxectivo de visibilizar este carácter colectivo, de pór nomes e caras ao proxecto, creouse no Facebook o Grupo Eu tamén son accionista de Sermos Galiza. Servirá, aliás, para contribuír para a difusión da iniciativa e para encoraxar outras persoas a participaren. Se tiveres perfil no Facebook e xa es accionista, únete ao grupo; se aínda non o fores, agora é o momento. Dá o paso: tórnate accionista de Sermos Galiza ingresando na conta nº 2080 0319 69 3040016966 (NCG) a cantidade correspondente ás accións que quixeres adquirir (100 euros cada). Entre tod@s podemos. Contamos con vós!

09/10/2011

No quiosque virtual

O lanzamento en xullo pasado da inicitiva Sermos Galiza non mereceu -con algunhas, poucas, honrosas excepcións- a atención dos medios de comunicación estabelecidos. Porén, foron moitas as páxinas, blogues e medios que integran o universo da rede en galego que se fixeron eco do proxecto e contribúen para difundilo. Como facilmente se comprobará, moitos deles responden, como pretende tamén Sermos Galiza, a proxectos colectivos e á vontade de poder desenvolver con normalidade a nosa vida en galego. A tod@s, obrigado.
Na sección No quiosque virtual, á dereita, recollemos as ligazóns coas informacións que van aparecendo. Con certeza que non estarán aínda todas, mais será sempre por descoñecemento. Agradeceremos, por tanto, a colaboración das persoas que quixeren achegar noticia de informacións que foren aparecendo ou xa teñan aparecido para podermos incorporalas.

07/10/2011

Galiza a través do espello


María Reimóndez
Grupo Promotor de Sermos Galiza

Como buscando a resposta a unha pregunta, miramos. Nese xesto diario, coa ollada fixa nese liso material. O espello devólvenos a imaxe propia, uns días está máis alegre, outros máis despeiteada, outros máis triste e algúns case que transparente. Mais está. Lonxe dunha louvanza do narcisismo, os espellos axúdannos a entendernos e entender a percepción que outras persoas se fan de nós. Se cadra é esta unha función vital dos medios de comunicación que, como espellos metafóricos, deberían devolvernos unha imaxe iluminada e plural do que nos acontece como colectivo e do que acontece detrás e diante, ao noso carón. Cando un pobo carece de medios de comunicación plurais, propios e na súa lingua, carece de autoimaxe. As imaxes dos outros veñen moitas veces en forma de calidoscopio ou de cortina de fume. Un exemplo claro de calidoscopio foi a aparición pública de entidades como Galicia Bilingüe, colectivos minoritarios e recalcitrantes que non representan a ninguén pero que teñen espazo público multiplicado mil veces o que representan. Entre as cortinas de fume xa son tantos os exemplos que non hai maneira de contalos.
Unha Galiza sen medios en galego, propios, mírase en espellos do autoodio, en espellos que deforman, que son como os das feiras de cando eramos pequenas, espellos que están afianzados lonxe, noutros intereses. Eses espellos devólvennos un país que non é, un país deprimente ou de ficción onde no medio dunha catástrofe natural hai praias esplendorosas ou onde “a xente” afirma que o idioma propio é algo prescindible na escola. Mais cada día, ao andar pola rúa, eu vexo unha Galiza diferente, unha que teima e crea, que recibe premios, que tende pontes con moitos pobos, que teima en buscar unha educación pública de calidade en galego, que aprecia ás persoas que fixeron do público algo valioso, que honra a lectura, que gusta do teatro, que vai ao cine, que organiza grupos de xogos en galego, que se reúne para cantar, que fala en galego aos peregrinos e peregrinas para que saiban, mesmo nos lugares máis remotos da nosa xeografía, que están nun lugar con identidade e lingua propia. As persoas que estamos en movementos sociais sabemos da pequenez da representación e do impacto que iso ten nos nosos proxectos colectivos. Sen espello no que reflectir o noso traballo este fica mudo e invisible. Sen espello no que reflectirse, iniciativas sobranceiras carecen de apoios (e aquí debo preguntarme cada día que pasará co traballo de Implicadas no Desenvolvemento e outras organizacións de todo tipo enraizadas na terra agora que non hai quen fale del á cidadanía).
Os medios que temos queren facernos crer que ese país non existe, que é o país das marabillas inventado por uns visionarios minoritarios e sectarios. Mais eu camiño por el todos os días e quero que sexa visible. E non só visible, noso. Por iso apoiar Sermos Galiza é traer a nós un espello que nos faga visibles. E non un espello calquera, senón un que estea a proba de roturas, a proba das balas do capital, porque o capital somos todas e cada unha das persoas que sabemos que Galiza ten dereito a verse de forma máis poliédrica e, sobre todo, na única lingua que nos fai únicas no mundo: a nosa. É hora de poñer o noso anaco de espello, é hora de escintilar. É hora de Sermos Galiza.

06/10/2011

Presentacións en Ferrol e Pontevedra

Imaxe da presentación de Compostela
Após as exitosas presentacións de Compostela, Ourense e Cambados, Sermos Galiza continúa dándose a coñecer. Esta quinta feira, 6 de outubro, estaremos en Ferrol. Será ás 8 da tarde no auditorio da Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución s/n – Cantón de Molíns). O acto está organizado pola Asociación Cultural Medulio e coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.
Ao mesmo tempo decorrerá a presentación en Pontevedra, ás 8'30 da tarde na Galería Sargadelos  (rúa da Oliva). Organizada pola Asociación Cultural Maio Longo, contará coa participación de Manuel Mera, Néstor Rego e Marga Romero.
A presentación pública da iniciativa social por un medio de comunicación en galego continuará en vilas e cidades nun calendario que se anunciará nos próximos días. Entre as xa previstas está a da Mariña luguesa. Será a sexta feira, 21 de outubro, ás 8,30 da tarde na Casa da Cultura Manuel María, de Foz. Organizada pola Federación Galiza Cultura da Mariña.
Máis unha vez, queremos agradecer ás asociacións culturais  Medulio e Maio Longo e á federación Galiza Cultura a inestimábel colaboración que prestan á divulgación do proxecto Sermos Galiza.

05/10/2011

Presentacións en Ourense e Cambados


Na cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde na Auriense (Praza do Correxidor) terá lugar a presentación de Sermos Galiza en Ourense. Organizada pola Asociación Cultural Auriense, contará coa participación dos membros do Grupo Promotor Nemésio Barxa, Francisco Carballo, Xosé Lois 'O Carrabouxo' e Marga Romero. Ao mesmo tempo estaremos  en Cambados. Tamén ás 8 da tarde, a presentación correrá a cargo de Teresa Moure, Néstor Rego e Adela Leiro.

O calendario de presentacións da iniciativa social por un medio de comunicación en galego continúa nos próximos días:


FERROL.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio da Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución s/n – Cantón de Molíns). Organizada pola Asociación Cultural Medulio. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

PONTEVEDRA.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8'30 da tarde na Galería Sargadelos de Pontevedra (rúa da Oliva). Organizada pola Asociación Cultural Maio Longo. Coa participación de Manuel Mera, Néstor Rego e Marga Romero.

A MARIÑA.- Sexta feira, 21 de outubro, ás 8,30 da tarde na Casa da Cultura Manuel María, de Foz. Organizada pola Federación Galiza Cultura da Mariña.

Máis unha vez, queremos agradecer ás asociacións culturais Auriense, Medulio, Maio Longo e á federación Galiza Cultura a inestimábel colaboración que prestan á divulgación do proxecto Sermos Galiza.

04/10/2011

Lanzamento de Sermos Galiza en Compostela


Na terza feira, 4 de outubro decorrerá a presentación de Sermos Galiza en Santiago de Compostela, organizada pola Agrupación Cultural O Galo. Será ás 8 da tarde no Auditorio de Novacaixagalicia (Praza de Cervantes), coa presenza dos membros do Grupo Promotor Rubén Lois, Teresa Moure, Néstor Rego, Olalla Rodil e Manuel Vilar.

O calendario de presentacións da iniciativa social por un medio de comunicación en galego continúa nos próximos días:

OURENSE.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde na Auriense (Praza do Correxidor). Organizada pola Asociación Cultural Auriense. Coa participación de Nemésio Barxa, Francisco Carballo, Xosé Lois 'O Carrabouxo' e Marga Romero.

CAMBADOS.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde en Expo-Salnés. Coa presenza de Teresa Moure, Néstor Rego e Adela Leiro.

FERROL.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio da Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución s/n – Cantón de Molíns). Organizada pola Asociación Cultural Medulio. Coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

PONTEVEDRA.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8'30 da tarde na Galería Sargadelos de Pontevedra (rúa da Oliva). Organizada pola Asociación Cultural Maio Longo. Coa participación de Manuel Mera, Néstor Rego e Marga Romero.

A MARIÑA.- Sexta feira, 21 de outubro, ás 8,30 da tarde na Casa da Cultura Manuel María, de Foz. Organizada pola Federación Galiza Cultura da Mariña.

Máis unha vez, queremos agradecer ás asociacións culturais O Galo, Auriense, Medulio, Maio Longo e á federación Galiza Cultura a inestimábel colaboración que prestan á divulgación do proxecto Sermos Galiza.

01/10/2011

Calendario de presentacións de Sermos Galiza

Despois das desenvolvidas na Coruña e en Vigo, continuamos coas presentacións de Sermos Galiza en vilas e cidades. O obxectivo é explicarmos directamente ás persoas interesadas en que consiste e como evolúe o proxecto, para alén de buscarmos o compromiso na construción colectiva dun novo medio de comunicación galego e en galego. A s próximas presentacións son as seguintes:


SANTIAGO DE COMPOSTELA.- Terza feira, 4 de outubro, ás 8 da tarde, no auditorio de Caixanova (Praza de Cervantes). Organizada pola Asociación Cultural O Galo.

OURENSE.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde na Auriense (Praza do Correxidor). Organizada pola Asociación Cultural Auriense.

CAMBADOS.- Cuarta feira, 5 de outubro, ás 8 da tarde en Exposalnés.

FERROL.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio da Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución s/n – Cantón de Molíns). Organizada pola Asociación Cultural Medulio.

PONTEVEDRA.- Quinta feira, 6 de outubro, ás 8'30 da tarde na Galería Sargadelos de Pontevedra (rúa da Oliva). Organizada pola Asociación Cultural Maio Longo.

Máis unha vez, queremos agradecer ás asociacións culturais Maio Longo, O Galo, Auriense e Medulio a inestimábel colaboración que prestan á divulgación do proxecto Sermos Galiza.


Éxitosa presentación de Sermos Galiza en Vigo

 
Na tarde-noite da pasada quinta feira decorreu, con nutrida asistencia de público e manifesto interese polo proxecto, a presentación de Sermos Galiza en Vigo. Reproducimos aquí a reseña que a Asociación Cultural O Castro, organizadora do acto, recolleu no seu blog: asociacionocastro.blogspot.com


SERMOS GALIZA, unha iniciativa social

Presentación da Iniciativa Sermos Galiza na Casa Galega da Cultura.

Néstor Rego profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo.  

Margarida Romero, escritora e profesora.

Xan Colazo da Asociación Cultural O Castro


Aquí deixamos unhas imaxes do acto de onte na Cidade da Oliveira*. Foi un éxito, máis dun cento de persoas acudiron á cita con Marga Romero e  Néstor Rego que pertencen ao Grupo Promotor de Sermos Galiza. Explicaron a un público entusiasmado as claves do proxecto máis ambicioso e necesario para facermos País.
Queremos agradecer a participación das persoas que asistiron e tamén das amigas e dos amigos que non puideron vir, mais mandaron saúdos e ánimos.
A todas e a todos
moitas grazas.
 * Proximamente contaremos porque Vigo é a Cidade da Oliveira.