De interese

20/08/2011

A voz precisa

Por Néstor Rego
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza


A cada día se confirma máis a necesidade de reaxir e o acerto de termos tomado a iniciativa. Non hai dúbidas de que continúan a ser días difíceis para a imprensa en galego. Ás circunstancias propias do momento de crise económica que atravesamos sumouse, é evidente que con efectos decisivos, o tsunami españolizador que estamos a sufrir desde hai dous anos. A diminución das axudas para a lingua, tamén nos medios, e a deserción das obrigas políticas e legais no que respecta ao apoio á normalización do galego, tornáronse o máis visíbel das políticas intencionalmente destrutivas do goberno do Partido Popular.

Diante disto, podemos limitarnos á lamentación ou podemos mobilizarnos para reclamar unha mudanza das políticas públicas e, ademais, actuar. Isto é o que representa Sermos Galiza: a decisión firme de non ficar á espera. A vontade de axir para pór remedio a unha situación que progresivamente está a empobrecer o panorama da comunicación na Galiza e a deteriorar aínda máis a condición da lingua nos medios e, por tanto, na sociedade.

Sermos Galiza veu a encarnar, no medio de tanta noticia negativa, a esperanza de podermos mudar as cousas e de contarmos con instrumentos imprescindíbeis para podermos continuar a avanzar no camiño do pleno autogoberno. Mais tamén a confianza de sermos capaces de os construír por nós propi@s, o que non é pouco en termos de autoestima colectiva da cal, infelizmente, tan falto está este País.



As circunstancias polas que están a pasar os medios de comunicación en galego nos últimos tempos xeraron un intenso debate social, que contribuíu para esclarecer a importancia da imprensa escrita para o futuro da nosa lingua. Por sorte, un amplo segmento da nosa sociedade entende que a existencia de medios en galego é unha premisa básica para o proceso de normalización social do noso idioma. Nese sentido, é lóxico o acollemento á iniciativa Sermos Galiza, na medida en que responde a unha necesidade largamente sentida.

Porén, hai outras variábeis a termos en conta. É xa lugar común que sen información libre e contraditoria non pode existir verdadeira democracia. E, na realidade, non existe pluralidade informativa cando a inmensa maioría dos medios se limita a reproducir de forma acrítica, cando non entusiasta, a información deseñada polas grandes axencias e as grandes corporacións da comunicación, que fornecen unha visión unívoca do mundo. Aliás, no caso do noso país, a imprensa do poder, para alén de se sumar á estratexia da desinformación, xoga gustosamente un papel chave no proceso de españolización e asimilación e, por tanto, en contribuír para a manutención da situación de dependencia da nosa nación.

É fácil verificar como os medios galegos, quer privados quer públicos, non responden sequera a unha axenda informativa propia. E parece evidente que construír e consolidar un espazo galego de decisión non será posíbel se previamente non logramos asentar un espazo galego de comunicación. É imprescindíbel, por tanto, contarmos con medios que falen de nós e do mundo desde nós propi@s. Medios que teñan o foco de atención na Galiza e que saiban reflectir a realidade social -para alén da actividade institucional- de forma veraz. E, aínda, que xeren ámbitos para a reflexión e a interpretación desa realidade con outros parámetros, no que outras voces teñan cabida.

Eis o acerto de sermos Galiza: proxectar un medio libre, crítico, galego e en galego. Un medio aberto e plural, embora cunha liña editorial claramente comprometida, cunha posición nítida de defensa da lingua, da cultura e dos intereses do País. Un medio cun espazo definido, mais que aspire a conquistar un público lector cada vez máis amplo, que sexa capaz de seducir polo acerto do enfoque comunicativo e, aliás, por se tratar dun produto moderno, innovador, fresco e atraente, que responda ás aspiracións e necesidades dese segmento da poboación que aspira e traballa por un país diferente, libre e con futuro.

Neste contexto, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio das características que precisamos só pode asentar no compromiso dos lectores e lectoras. E esa é a principal virtude de Sermos Galiza. A oportunidade de construírmos entre tod@s o medio que necesitamos. Somos nós mesm@s, as persoas conscientes da importancia de contarmos con medios propios, @s que asumimos o reto de construílos, nun exercicio de responsabilidade colectiva.

A cidadanía galega máis consciente, atenta aos intereses do País, ten demostrado nos últimos tempos unha extraordinaria capacidade de compromiso e mobilización en defensa da lingua e da nación. Neste momento e nestas circunstancias, a mellor maneira de se comprometer coa lingua é a de apoiar unha iniciativa en positivo para construírmos colectivamente os medios que precisamos; para sermos @s protagonistas do noso futuro, tamén na comunicación. A máis eficaz maneira de asegurarmos imprensa libre e galega é facerse accionista e/ou tornarse subscritor/a do semanario que Sermos Galiza colocará en breve nos quiosques. Sermos nós propi@s @s que sustentemos a imprensa que este País necesita. Iso é Sermos Galiza, a voz precisa.

8 comentários:

  1. Espero que o projecto vai bem, mas nom acabo de entender porque nom se aproveitam bases existentes como Tempos Novos ou Galicia Confidencial ou Tempo e Terra para empurrar o projecto. Tampouco vexo em que se vai diferenciar destes meios este projecto.
    Outra cousa que tampouco me encaixa é que se tente fazer um jornal sem jornalistas.

    ResponderEliminar
  2. Os que desexamos ser accionistas de "Sermos Galiza" precisamos ter unha garantía da titularidade das futuras accións, o cal non se garante mentres non establezades o procedemento informático axeitado.

    ResponderEliminar
  3. Estamos considerando os comentarios que piden máis garantías a respecto da titularidade das accións e estudaremos posíbeis propostas. Mais, achamos que a mellor garantía é o xustificante de ter realizado o ingreso bancario. Un xustificante da Caixa que no concepto pon "compra de ..x... accións de sermos galiza" é un documento con plena validez e garantía. En calquera caso, estudaresmo o asunto. Grazas a tod@s polo interese e o respaldo ao proxecto.
    Grupo Promotor

    ResponderEliminar
  4. Unha suxestión: Observando reaccións persoais na contorna social do nacionalismo dáme a sensación de que o grupo promotor debía ser ampliado. Digo isto, porque é coñecida a adscrición clara de dúas persoas do grupo promotor a dúas correntes internas e afíns no seo do BNG. Entendo que se o grupo fose alargado con algunha outra persoa identificábel con outras correntes de dentro e fóra do BNG serían eliminadas as suspicacias e desconfianzas que persisten en determinadas persoas e sectores susceptíbeis de apoiar o proxecto.

    ResponderEliminar
  5. Quanto sectarismo paroquial desprende a intervenção anônima de 24 de agosto. Que gosto por semear dúvidas e suspeitas gratuitas que nem sequer assume como próprias. Não me estranha que com gentinha assim a situação seja a que é. Ofende em primeiro lugar esse reducionismo de duas pessoas à condição de correias de transmissão (projetando assim seu modo de ser) de um partido ou corrente; em segundo lugar, que ache parvos a todos os outros promotores ante os quais esses dois são (seriam) uma esquálida minoria; e por último, que suponha que isso possa afetar a todos os milhares que se somem ao projeto...
    Por minha parte, gostaria que o novo meio fizesse da transparência a sua única bandeira, pois a transparência é a pedra angular da democracia, e que não caísse na deslealdade para o país de meios como ANT e Xornal de Galicia. Este jornal, por exemplo, publicava recorrentemente generosas informações acompanhadas de gráficos das visitas à sua versão digital, o que fazia mais clamoroso seu silêncio sobre as vendas do jornal. Por uma vergonha mal entendida –pois não há que envergonhar-se do que um faz se sabe que o faz o melhor que sabe e pode – não deu jamais nem o mais mínimo dado sobre sua difusão, o que seria de muita utilidade para qualquer projeto que pretendesse manter a chama acesa. Não se quer aprender que assim não se aprende. Por isso, como dizia, encorajo aos promotores a que esta empresa seja o mais transparente possível, pois esta é a única luz neste momento de barbárie.

    ResponderEliminar
  6. Concordo em grande medida com o Pedro Bravo, mas é certo que a presença do Nestor Rego (UPG) e Manuel Mera (MGS)sementam suspicácias. Em mim pessoalmente, mas também em muita outra gente do nacionalismo, galeguismo e soberanismo, que a final vai ser o núcleo central de apoio popular ao projecto. Destarte, se não há máis pessoal vinculado às outras correntes internas do BNG,+GZ e EI, e mesmo a gentes de fora do bloco (quer pela dereita, quer pela esquerda, Causa Galiza..."galeguistas" de partidos espanhois mesmo)será dificil que o projecto seja visto como plural e comúm a todas as seitas e leirinhas. Isso é o que há, e se não se compreende essa realidade que por desgraça há no nosso país, dificilmente o projecto chegará a coalhar.

    ResponderEliminar
  7. FRANCAMENTE ALUCINO COA CORTEDADE DA QUE PADECEMOS E FACEMOS GALA: NON MILITO EN ORGANIZACIÓN ALGUNHA- E O TEMPO ESTA-ME A DAR A RAZÓN, AÍNDA QUE ISO NON QUER DICER QUE ME CONSIDERE UN NIHILISTA CARENTE DE OPINIÓN: E, MAIS QUE NADA, POR NON ATURAR-VOS MACHIÑOS (SÓ ABONO A COTA ANUAL Á MNL) -E POR ISO VOU-ME PERMITIR SER INCORRECTO E ALGO FALTÓN (POIS NON ME VAI REPERCUTIR ELECTORALMENTE): A MIN NIN NESTOR REGO NIN MANUEL MERA NIN PEDRO BRAVO NIN A CABUXA DA "LEGIÓN" ME LEVANTAN SUSPICACIA ALGUNHA SE TEÑO QUE UNIR-ME AOS MESMOS PARA LEVAR ADIANTE UN PROXECTO DUN GRUPO DE COMUNICACIÓN GALEGO CENTRADO NO PAIS: OUTRA COUSA SERÍA SE TIVESE QUE DEITAR-ME CON ELES (PREFIRO A DEMI MOORE- QUE COIDO QUE NON É DO BNG -), IR DE EXCURSIÓN OU COMPARTIR UNHAS CAÑAS DE CERVEXA, POR POR UNS EXEMPLOS...DESDE SEMPRE PENSEI QUE A XENTE LIGADA AO NACIONALISMO ERA A MAIS FORMADA, COMPETENTE, SERIA E DE FIAR EN GALIZA MAIS DESDE HAI UN TEMPO A ESTA PARTE, MALFADADAMENTE, PENSO QUE É, NESE ÁMBITO, ONDE HAI MAIS APIROLADOS, ATOALLADOS E APALOMINADOS (NON SEI SE POR ESTA ORDE) E ASÍ NOS VAI E XA COMENZO A ESTAR ATÉ OS OVOS DE TANTO MEXAPIAS PURISTA QUE NOS EMPUXA, ENTRE ELUCUBRACIÓNS PALMARIAMENTE OLIGOFRÉNICAS, Á INMOLACIÓN. AINDA ASÍ, SIGO A TER CLARO QUE PREFIRO A UN SOBERANISTA PARVO QUE A UN ESPAÑOLISTA ESPABILADO, NA ESPERANZA DE QUE O PRIMEIRO ESPERTE DO SEU SONO ALGÚN DÍA E POR QUE, PESE A TODO, É DOS MEUS/NOSOS...VAI SENDO HORIÑA DE IRMOS MADURANDO, POR QUE DESPOIS RESULTA QUE ESTADES SUBSCRITOS A "LA VOZ", SODES INCHAS DO REAL MADRID, FANS DE LA PANTOJA OU SOCIOS DE CALQUERA ORGANIZACIÓN CULTURAL OU DEPORTIVA (INCLUIDAS COMISIÓNS DE FESTAS) CHEAS DE FACHAS E/OU RETRÓGRADOS (SEGURO QUE LEVADES AOS FILLOS FACER A 1ª COMUNIÓN OU PRACTICADES SUPERSTICIÓNS REACCIONARIAS COMO IR Á MISA) E NON DICIDES NIN PIO SOBRE SE O VATICANO O O SEÑOR FDEZ.LA TORRE VOS LEVANTA SUSPICACIAS.... PERO É QUE NON IMOS SER CAPACES DE PUXAR TODOS XUNTOS POR ALGO TAN BÁSICO E NECESARIO PARA O MANTEMENTO DA NOSA BASE IDENTITARIA..???.
    SÓ POIDO DICER QUE ADMIRO AOS QUE DAN O PRIMEIRO PASO ADIANTE, NESTA OU EN CALQUERA OUTRA AVENTURA A PROL DE GALIZA E QUE ISO XA ME PARECE MÁXIMA GARANTIA DE TRANSPARENCIA E HONESTIDADE.
    UN SAÚDO.
    ((COMO O DE SELECCIONAR UN PERFIL NON HAI DEUS QUE O ENTENDA, ASINO ASÍ:
    XOSÉ BARBAZÁN.))

    ResponderEliminar
  8. A min a presenza de Néstor Rego, por exemplo, o que me causa é confianza no proxecto. É unha persoa que demostrou o seu compromiso coa cultura galega cando tivo responsabilidades de xestión no concello de Santiago, e cunha enorme capacidade de traballo. E cousas parecidas poden dicirse dos demais integrantes do grupo promotor.

    ResponderEliminar