De interese

30/07/2011

Sermos ou non sermos. Eis a cuestión

Por Xosé Ramón Freixeiro Mato
Membro do Grupo Promotor de Sermos Galiza

Somos moitas as persoas galegas que nos sentimos identificadas cunha historia, cunha cultura e cunha lingua propias, persoas que nos sentimos posuidoras dunha identidade a que non queremos renunciar e que estamos comprometidas coa súa preservación. A estas persoas únense outras moitas que, sen teren consciencia tan clara desa identidade diferencial nin se sentiren especialmente comprometidas na súa defensa, teñen aquí as súas raíces e mostran vontade de seren galegas e de exerceren como tales. E aínda existe outro grupo importante de persoas que, sen seren galegas de nación, moran entre nós e asumen o dereito a existirmos como pobo con características de noso. Hai, de certo, outras persoas, nadas ou non en territorio galego, que teñen distintos sentimentos identitarios ou que subordinan a condición de galegos e galegas a identidades diferentes. Todas en conxunto, en unión co territorio, a historia, a cultura, a lingua ou as tradicións, constituímos a Galiza, vella nación europea definida constitucionalmente como nacionalidade histórica, isto é, comunidade nacional historicamente conformada.

A Galiza, pois, existe. E, como existe, ten dereito a continuar a existir. Mais para isto é preciso que as persoas que acreditamos nela e no seu porvir deixemos ouvir a nosa voz na súa defensa e nomeadamente na defensa do seu principal sinal de identidade, a lingua galega, sen a cal esa Galiza do futuro resultaría inviábel. Porén, semella evidente que non todas as persoas nin grupos sociais poden facer ouvir a súa voz; na realidade, só o poden facer con eficacia aqueles que posúen medios de comunicación propios. E por regra xeral hoxe na Galiza os medios de comunicación están nas mans de persoas ou grupos que non acreditan na condición nacional da Galiza nin no futuro do seu idioma propio (e que por tanto non o utilizan), de modo que neste momento hai un amplo sector da sociedade galega, precisamente aquel que acredita na nación e que está comprometido co uso da súa lingua, que non se ve reflectido nos medios existentes, isto é, que carece de voz perante o conxunto da sociedade galega e do mundo. Ben sabemos a importancia, na sociedade actual, do acceso aos medios de comunicación, tanta que xa se converteu nun tópico o dito de que o que non sae nos medios é como se realmente non existise. Mais a nación galega existe, a lingua galega existe, e tamén existe o nacionalismo galego. No entanto, fáltalles a voz, a voz que a Galiza precisa, que o idioma galego precisa, que o nacionalismo galego precisa. Termos ou non termos voz hoxe equivale a sermos ou non sermos. Eis o dilema.

Após 300 anos de silenciamento da lingua galega na escrita, no século XIX uns poucos galeguistas, con poucos recursos, foron quen de crearen algúns medios escritos na nosa lingua, como A Monteira en Lugo ou O Tío Marcos da Portela en Ourense. No século XX apareceu e reapareceu A Nosa Terra, fundouse a revista Nós, máis tarde Grial etc., todas elas nunhas circunstancias de grande precariedade e mesmo en contextos políticos de ausencia total de liberdade por momentos. Algunhas perviviron no tránsito intersecular e así comezamos o século XXI coa presenza nos quiosques e librarías de publicacións como A Nosa Terra, Galiza Hoxe, A Peneira, Tempos Novos ou Grial. Alén destas dúas últimas, de contido máis cultural e periodicidade dilatada, que aínda perduran nestes momentos xunto con algunha outra publicación académica especializada, o vendaval político que se produciu na Galiza en marzo de 2009 e que nos deixou un goberno lingüicida foi arrasando con todas elas, até podermos afirmar que na actualidade non existe ningunha publicación diaria ou semanal en lingua galega.

Adentrámonos, pois, na segunda década do século XXI sen xornais nin semanarios en letra impresa na nosa lingua -tamén os dixitais son escasos, eis o encerramento de Vieiros-, nunha situación tan deficitaria que nos retrotrae a épocas recuadas da nosa historia. E isto acontece nun momento en que a Galiza posúe institucións propias de autogoberno que teñen a obriga legal de apoiaren e promoveren o uso do galego nos medios de comunición, tamén escritos. Prodúcese, por consecuencia, unha clara irresponsabilidade institucional e mesmo un quebrantamento da legalidade. Mais isto non pode servir de escusa para que as persoas que nos sentimos nacionalistas ou galeguistas e que queremos medios de comunicación en lingua galega nos manteñamos na pasividade, sen tentarmos mudar unha realidade tan adversa. Somos menos ou somos máis que os nosos devanceiros que crearon medios en galego? Temos menos ou temos máis posibilidades e recursos materiais para enfrontarmos a empresa requirida? A resposta parece clara: somos moitas máis persoas e posuímos moitos máis medios económicos. Alén das que militan en organizacións políticas, sindicais ou culturais de carácter nacionalista -ben máis de 100.000 felizmente-, existe hoxe un amplo grupo de profesorado de lingua galega en todos niveis educativos -talvez uns 3.000?- e moito máis profesorado doutras materias que ten a obriga legal -e ética- de impartir docencia en lingua galega, igual que acontece con todo o funcionariado da Administración autonómica, que debe coñecer e usar o idioma propio por imperativo legal e moral -viven dun exercicio profesional que deriva da existencia dunha comunidade política sustentada basicamente na posesión dunha lingua propia-; entre este persoal temos de contar nomeadamente aquel que traballa na radio e na televisión públicas da Galiza, que cobra un salario por usar o galego e porque o galego existe.

Todas estas persoas sumamos miles e miles; e moitas -trinta mil, cincuenta mil, setenta mil ou se callar cen mil segundo os casos- xa temos ateigado as rúas compostelás en defensa e reivindicación da lingua galega, con expresa invocación nalgunha ocasión á necesidade de termos medios impresos na nosa lingua. Nunca houbo historicamente tal potencial humano en prol do idioma e, paradoxalmente, ficamos sen medios escritos que o utilicen. É posíbel que toda esta masa crítica non sexa quen de soster un grupo de comunicación propio que, utilizando a lingua galega, defenda esta e defenda tamén o país no seu conxunto? Será que aquelas persoas que traballan coa lingua galega, que militan en organizacións creadas para a defenderen ou que cobran un salario porque esta aínda existe rexeitan recibir información nesa mesma lingua e, por tanto, están dispostas a compraren un xornal en español mais non no idioma que saen a defender? Isto non semella críbel. Por que non rexeitan igualmente a información audiovisual que lles dan en galego a RG e a TVG, que gozan dunha audiencia considerábel? Ten de haber outras razóns que o expliquen, pois tamén non posúe forza suficiente o argumento da secular carencia de alfabetización en galego após catro décadas de ensino obrigatorio nesta lingua e de centos de cursos de formación realizados por miles de persoas. Ocórrenseme dous posíbeis motivos: rutina, desleixo e ausencia de compromiso real na defensa do galego, por unha parte, ou oferta insuficiente e inadecuada de produtos informativos en galego até ao momento, por outra. Se callar, o máis probábel é unha mestura dos dous.

Bon, pois nestas circunstancias unhas cantas persoas constituíronse en promotoras dun grupo de comunicación en galego e comprometido coa Galiza. O proxecto nace so a denominación de Sermos Galiza porque en certo modo diso se trata, da vontade de continuarmos a manter a existencia da nación galega, para o cal se precisan, a noso ver, dous requisitos fundamentais, ambos interdependentes: a conservación da lingua propia e a existencia de medios de comunicación que acrediten na Galiza e que se comprometan co seu futuro. O que fai este grupo é lanzar o proxecto e convocar a sociedade galega para que o apoie e faga viábel. No estudo de viabilidade económica en que o proxecto se sustenta fálase de que se precisan 3.000 subscritores, por unha parte, e, por outra, accionistas que reúnan un capital inicial de 300.000 euros. Con isto poderiamos ter nun prazo curto de tempo un semanario en papel e un diario dixital, coa porta aberta a novas metas no futuro de a resposta social ser positiva. Non parece en principio difícil nin moito menos imposíbel -non debería selo- reunir as persoas precisas (arredor de 6.000 na opción máis popular e participativa, a metade subscritoras e a metade accionistas, aínda que o normal é que en moitos casos coincidan), entre todos aqueles miles de que antes falabamos, para pór o proxecto en marcha. As cantidades son modestas: tanto o prezo da subscrición anual ao semanario (uns 160 euros) como as accións a 100 euros cada unha deberían posibilitar que se puidesen reunir esas 3.000 persoas requiridas para cada un dos obxectivos económicos. Fomos moitas máis as que nos manifestamos en defensa do galego hai uns cantos meses e tamén moitas máis as que ateigamos a Praza da Quintana este último 25 de xullo, hai só uns días, en reivindicación da nosa identidade nacional. Infelizmente, non todas teñen unha situación económica favorábel, mais moitas outras si podemos, aínda que sexa facendo un esforzo. Nós temos, pois, a palabra.

Se realmente hai vontade e compromiso, a tarefa semella doada. En Euskadi, cando clausuraron Egin, ao día seguinte reuniuse o diñeiro preciso para un novo xornal. Nós non precisamos tanto. Mais ben sabemos que as persoas nacionalistas galegas somos moito críticas e inconformistas; como dixera Rafael Dieste, a crítica está ben, mais tamén debemos fuxir do hipercriticismo destrutor que aniquila calquera posibilidade de construción en común; deseguida tendemos a deostar un proxecto afín (político, cultural, lingüístico, comunicativo etc.) por algún pormenor de que non gostamos, en canto nos mostramos máis comprensivos cos que nos son alleos ou mesmo hostís. Con certeza, todos os proxectos e empresas colectivas, tamén as nacionalistas, teñen e van ter deficiencias e imperfeccións, pois non existe a obra perfecta. No entanto, debemos ser máis flexíbeis e tolerantes coas iniciativas do noso ámbito ideolóxico, máis comprensivos en definitivo coas entidades e persoas que son ideoloxicamente próximas e que traballan por obxectivos comúns. Neste sentido, temos de admitir a urxencia e a necesidade dun grupo de comunicación en galego imprescindibelmente plural e con vocación de permanencia, en que todas as sensibilidades nacionalistas se sintan reflectidas, mais onde non existan constrinximentos para o desempeño dun labor xornalístico profesional, crítico e transformador. Iso si, feito nun galego de calidade e con futuro, non sexista e aberto ao mundo de expresión galego-portuguesa.

De non axirmos así e de nos mostrarmos en exceso reticentes, pouco xenerosos e hipercríticos cos nosos propios medios de comunicación en canto compramos e lemos os alleos (en español, de certo), estaremos a servir os intereses destes e estaremos a renunciar ao futuro da nosa lingua e da nosa nación. De nós depende, pois, sermos ou non sermos informativamente dependentes, sermos ou non sermos unha nación cos seus propios medios de comunicación.

En fin, sermos ou non sermos Galiza.

Sem comentários:

Enviar um comentário